
FICA! é unha celebración da creatividade fóra das cidades, unha aposta pola beleza que medra fóra do escaparate.
FICA!: Festival Independente de Cine e Arte na Aldea
O rural é futuro: cinema, música e raíces vivas
Nas aldeas, nas beiras, nos camiños que non saen nos mapas, tamén latexan as ganas de crear. Aquí, onde moitos só ven silencio ou abandono, hai vida a rebentar. Hai historias que agroman da terra, voces que resisten, ideas que buscan camiño. Aquí nace FICA!, coma un berro colectivo que di: o rural está vivo, e quere crear.
O rural non é só pasado. É presente rebelde e futuro por escribir. Cansa xa a mirada que o reduce á nostalxia ou ao esquecemento. Nós queremos outro relato: un rural cheo de cinema que incomoda, de música que emociona, de encontros que transforman. Un rural onde a cultura non é luxo nin adorno, senón ferramenta, raíz e lume.
Porque revitalizar o rural non é “levar cultura á aldea”, é recoñecer que a cultura xa está na aldea: nas festas, nos contos, nos silencios e nas loitas cotiás. O que facemos é abrir espazo, dar altofalante, compartir olladas. Traer o cine que fala dende as marxes, poñer escenario ás músicas que nacen de abaixo, tecer redes entre quen crea e quen resiste.
FICA! non é un festival calquera. É unha celebración da creatividade fóra das cidades, unha aposta forte pola autoxestión, pola comunidade, pola beleza que medra fóra do escaparate. Aquí non hai alfombra vermella, pero hai coxíns no chan e mantiñas compartidas. Non hai focos, pero hai lume que arde. Hai verdade.
Porque ficar na aldea é un acto político. É dicir que hai futuro onde outros só ven baleiro. É dicir: non imos desaparecer. Imos crear.

Programa:
16 de maio
18:00 Apertura de portas
19:00 Concerto de Sara Calderón e Paul Baker
21:15 Acceso á sala de cinema e presentación de curtas
21:45 A comuñón da miña prima Andrea (13 min), de Brandán Cerviño Abeledo
22:00 Azadi (22 min), de Lily Baker Föhring, Juan Luis Ortega Navarrete, Luciana Espinoza Hoempler
22:20 Humedalia (14 min), de Irene Sáenz
22:30 Proxección sorpresa (20 min), de Lily Baker, Anna Halbleib, Sara Calderón
22:50 Mesa redonda coas directoras

17 de maio
18:30 Verbas ao Sol: homenaxe ás lavandeiras (Transeúntes)
19:50 Concerto de F1N05
21:15 Acceso á sala de cinema e presentación de filmes
21:40 O niño dos paxaros (16 min), de Lucía Estévez
21:50 Age of Iron (88 min), de Davoud Gerami
23:20 Mesa redonda co director e directora

18 de maio
18:00 Apertura de portas
18:15 Proxección dos videoclips Alvorada+Metamorfose de Peitoescuro
18:30 Concerto de Peitoescuro
20:15 Concerto de Waby & Friends
21:15 Acceso á sala de cinema e presentación
21:35 Sintrópica: semillas de cambio (104 min), de Miguel García Orive
23:20 Mesa redonda co director
*Temos a honra de contar con Víctor Duplá como moderador, un actor e director cunha destacada traxectoria en cine, teatro e televisión.

Todos os días:
Instalación LOOP ROOM: proxección continua de cinema absurdo na bodega.
Instalación na RUINA: Exercise of Being Here #237, por Monique Besten.
*Os concertos e performances realizaranse ao aire libre, mentres que as proxeccións serán no interior, na sala habilitada. En caso de choiva, os concertos realizaríanse na nosa pérgola cuberta ou na sala de proxeccións.

Comida e bebida:
Haberá bebidas varias e pinchos para mercar e desta forma colaborar co festi. Tamén podedes traer a vosa propia comida. E se tedes vaso reciclable, sería xenial se o traedes. Así, evitamos xerar máis lixo do estritamente necesario.
Prezo:
Achega voluntaria (mínimo recomendado de 5 euros/persoa/día)
FICA! non é só un festival, é unha comunidade que se sostén coa forza colectiva de todas as persoas que cren noutra maneira de facer as cousas: máis próxima, máis libre, máis consciente.
Por iso, a entrada será unha achega voluntaria, cun mínimo recomendado de 5 euros. Sabemos que cada realidade é distinta, e queremos seguir sendo accesibles para todas. Pero tamén queremos lembrar que detrás de cada proxección, de cada concerto, de cada espazo habitado, hai horas de traballo, esforzo compartido e moito amor posto en xogo.
A túa achega, por pequena que sexa, axuda a facer posible este encontro.
Sala de proxeccións:
A sala de proxeccións ten un aforo limitado (50-60 persoas), polo que se queres ver as pelis, recomendámosche que veñas pronto. Cando chegues, busca a caixa e fai a túa achega voluntaria para recibir a entrada que che dará acceso á sala de proxeccións. Unha vez rematen as entradas, non podemos garantir que teñas espazo para entrar a ver as pelis, aínda que si poderás gozar dos concertos e performances que haxa ao aire libre.
Na sala de proxeccións contamos con asentos/cadeiras limitadas só para personas que as necesiten. O resto de nós, sentarémonos en coxíns no chan.
*O acceso á zona de concertos é mediante unha costa bastante empinada e a sala atópase nunca segunda planta con acceso só mediante escaleiras.
Localización:
O Castro Art Village, O Castro de Mourelos 86, 27548, O Saviñao, Lugo.
Google maps: https://maps.app.goo.gl/HnrMPSqG1DFyHTyVA
Compartir coche e aparcadoiro:
A organización do festival pídevos que colaboredes entre vós compartindo coche para vir ao evento por dous motivos: 1) reducir a pegada de carbono; 2) porque nos atopamos nunha aldea remota con espazo de aparcamento limitado. Aquí tedes un enlace a un grupo de telegram para compartir coche para vir ao festival: https://t.me/+6r5CSNk7vsoyNjY8
Temos dúas opcións para aparcamento e vos pedimos que sexades responsables co pouco espazo que temos:
1.A primeira zona para aparcar será na estrada que chega ata a aldea. Pedímosvos que deixedes esta zona para as persoas maiores, as familias con nenos ou as persoas con dificultades para camiñar. Ademais, é importante que aparquedes SÓ NUN LADO DA ESTRADA para deixar espazo suficiente para o tránsito. O lugar é aquí:
https://maps.app.goo.gl/uMcA5PNZqQMMZCvz9
2. A outra zona de aparcamento sería na aldea veciña de Mourelos, que se atopa a só 1 km da aldea onde se celebra o festival (O Castro Art Village). Por favor, os que teñades facilidade para dar un paseíño, deixade aquí o coche e vinde camiñando, que son só 15 minutiños por unha zona ben bonita:
https://maps.app.goo.gl/jbppMT2zyUoxAMD49
Aloxamento:
Se queres quedar a pasar a noite, temos uns domos xeodésicos chulísimos que podes alugar. Cada un conta con cuarto de baño privado e pode albergar ata 4 persoas. Tamén contamos cun aparcadoiro para furgonetas ou campers. Consulta os nosos prezos e dispoñibilidade no teléfono 645.823.775.
